Tuesday 21 de May de 2024

A Deputación comeza as obras de ampliación e mellora da DP 3903 en Vilarmaior


 

Inviste 182.710 euros nuns traballos que incluirán a ampliación da plataforma da estrada e a construción de beirarrúas

A Deputación da Coruña comezou as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 3903 de Tarreo do Blanco a Vilamateo por Ambroa, entre os puntos quilométricos 6+420 e 7+010, no termo municipal de Vilarmaior.

As obras, cun prazo de execución de cinco meses, supoñen un investimento de 182.710 euros para ampliar a plataforma de circulación dos cinco metros actuais, sen beirarrúas nas marxes, a outra configuración máis ampla e segura con carrís de circulación de 3,5 metros en cada sentido, beirarrúas de 1,80 metros nos laterais e novas zonas de aparcamento para vehículos.

O proxecto inclúe a remodelación dalgúns pequenos tramos de beirarrúa con baldosas hidráulicas que se atopan agora en mal estado e a prolongación das mesmas por ambas marxes para dar continuidade ao itinerario peonil, mediante novas beiarrúas cun acabado de formigón coloreado, semellante ás que está a construír a Deputación noutras localidades.

Asemade, levarase a cabo a substitución das luminarias do alumeado público do vial, actualmente con lámpadas de vapor de sodio de 150 watios, por novas luminarias LED, máis eficientes dende o punto de vista enerxético e con maior calidade lumínica.

As obras incluirán a construción de varios muros de contención e a canalización dunha nova rede de recollida de pluviais.